Monday 29 de April de 2024

O Programa Aurora desenvolvido no concello de Lousame péchase cunha incorporación laboral de máis do 61% das súas participantes


O obxectivo deste programa era mellorar a participación social e laboral das mulleres do rural de Lousame e dos arredores

Máis o 61% das veciñas de Lousame que participaron no Programa Aurora accederon a un posto de traballo e 18 das 23 participantes iniciais acadaron o seu diploma de aproveitamento, que lles será entregado no acto de clausura do curso que terá lugar o próximo 31 de outubro no salón de plenos do Concello de Lousame. O Programa Aurora desenvolveuse en coordinación co Instituto da Muller e foi cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, amosa a súa satisfacción polo elevado índice de inserción laboral acadado xa que “son veciñas que aproveitaron esta gran oportunidade, que foron conscientes de que á casa non van vir traernos o traballo e que a mellor forma de acceder ao mundo laboral é seguir formándose”. Villaverde Pais destacou que “somos o único concello da provincia que accedeu a este programa e podemos dicir que serviu para favorecer a inserción laboral das nosas veciñas”.

A alcaldesa está convencida de que “Lousame ten moitos recursos e temos que empezar a aproveitalos”. Neste sentido, lembra tamén que “nos últimos meses puxemos en marcha en Lousame un intenso programa formativo gratuíta dirixido ás mulleres, en colaboración co Programa de Fomento do Autoemprego das Mulleres 2015 da Deputación da Coruña, e nos próximos días abrirá as súas portas a Aula de Toxosoutos da Uned Sénior, que nos axudará a formar ao alumnado e tamén a poñer en valor o noso monte”.

Metodoloxía

O Concello de Lousame impartiu o Programa Aurora, presencial e totalmente gratuíto para as alumnas, a través do Grupo Arestora, unha consultora de expertos en RRHH, Selección, Formación e Rendemento. Unhas clases que tiveron lugar ao longo dos seis últimos meses. Tras unha primeira fase de motivación persoal completada coa definición dun itinerario formativo e profesional, as mulleres participantes neste proxecto tiveron a oportunidade de formarse nos ámbitos profesionais que máis se adecúan aos seus perfís, con cursos específicos orientados á xestión de microempresas e fomento do cooperativismo, alfabetización dixital, manipulación de alimentos e tratamento de produtos culinarios.

En paralelo, desenvolvéronse sesións de coaching individual e colectivo, e avanzouse nos traballos de prospección de empresas, en función dos perfís e intereses das participantes, centrándose no sector turismo, ocio e servizos socio-sanitarios.